Un grupo de persoas maiores estrea «O reto»

O pasado día 23 de abril, tivo lugar no Teatro García Lorca de San Fernando de Henares a estrea do curtametraxe «O Reto». O especial deste evento, á parte, claro está, da obra en si mesma, son as mentes que o levaron a cabo. Trátase dun equipo integrado por unha vintena de persoas maiores de entre 65 e 85 anos. O grupo, formado no Centro de Maiores da localidade, presentou o seu segundo curto producido integramente por eles mesmos, agás a banda sonora, que correu a cargo da Escola Municipal de Música, e o making-of, por parte da asociación Axur7. Unha limusina branca levou ata o lugar da estrea os protagonistas, nerviosos e impresionados pola nube de fotógrafos que os agardaba. O director, Agapito Aguilar, case octoxenario, comentaba: «O guión foi moi custoso; tardamos sete meses en escribilo entre seis cabezas pensantes: varios mecánicos, un torneiro e ata un repartidor de pan de molde.» «O Reto» narra o día a día dunha parella desde 1963 ata 2005, do esforzo e do duro traballo que continúa co coidado dos netos; formulando cuestións como a relación cos fillos, o coidado e o respecto polas persoas maiores e o camiño para alcanzar unha vellez digna. O curto tivo unha calorosa e excelente acollida entre os 500 espectadores que acudiron á proxección e, tras un merecido descanso, a intención deste marabilloso equipo de cineastas é crear un terceiro curto.