Unha nova oficina de información para persoas dependentes

A Comunidade de Madrid abriu a semana pasada unha oficina de información sobre a dependencia e reforzou o servizo telefónico 012 para persoas dependentes, co fin de poder atender unha media de 400.000 persoas ao ano. En total serán 18 os profesionais que atenderán por teléfono, de forma ininterrompida, de 9 a 19 horas, as solicitudes das persoas dependentes. Estas medidas son unha mostra do compromiso que, segundo afirman, ten o Goberno autonómico de Madrid co desenvolvemento da Lei da Dependencia. Para iso, ademais, o Executivo autonómico destinará 900 millóns de euros a políticas de atención á dependencia. A nova oficina de Atención á Dependencia, situada preto da estación de Chamartín, contará cun rexistro onde a cidadanía poderá presentar a documentación necesaria para a tramitación dos expedientes. Ademais, nesta oficina, as persoas dependentes e os seus familiares poderán resolver as súas dúbidas sobre a lexislación, recibir asesoramento sobre os servizos, recursos e prestacións recollidos no catálogo da Lei, así como solicitar información especializada sobre o estado de tramitación dos expedientes.