O absentismo, unha carga de 9.000 millóns para as empresas

O 22% dos traballadores españois faltan ao seu traballo sen xustificación, normalmente por algún tipo de obriga familiar ou pola necesidade de resolver asuntos burocráticos. Estas faltas inxustificadas supoñen un custo de 9.100 millóns para as empresas españolas. Isto sitúa España como un dos países europeos con maior índice de absentismo laboral, un absentismo que, ademais das consecuencias económicas, repercute na imaxe da empresa, no ambiente laboral e, por suposto, afecta o grao de compromiso dos empregados coa organización. Estas son algunhas das conclusións ás que chega un estudo realizado en 10 países europeos diferentes. Para controlar o absentismo, os expertos sinalan que é fundamental a formación dos mandos intermedios, pois son eles os que entran en maior contacto cos empregados. Para iso, o coaching é unha ferramenta moi útil, unha metodoloxía que serve para fomentar o liderado. Pero tamén é moi eficaz contra o absentismo incluír políticas que fomenten o compromiso dos empregados coa organización. Entre elas, destacan a flexibilidade horaria, o teletraballo e outras medidas de conciliación da vida familiar e laboral. A motivación é unha vía para reducir o absentismo e facer que as empresas sexan máis produtivas e competitivas.